A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

7.5.10

O PP avanza cara a supresión da área sanitaria

Estamos comprobando como, pouco a pouco, o PP vai dando pequenos pasos (ou grandes alancadas) cara a supresión da área sanitaria do Barco.

Agora tócalle ao servizo de radioloxía. A proposta do SERGAS, que califica de proxecto piloto, é que se centralicen as gardas de radioloxía entre os centros de Verín, Monforte e O Barco, de xeito que non sempre haberá un radiólogo de garda no Barco, como ata agora.

Pretenden, así, que cando unha persoa chegue a urxencias do HCV, se precisa dunha proba como unha ecografía, por exemplo, e ese día non toca garda no HCV, senón en Verín, por exemplo, o médico de urxencias decidirá se cambia a ecografía (inocua para o paciente e relativamente barata) por un TAC (que implica radiación e é máis caro), ou se é necesario trasladar o paciente ao centro de referencia, ou sexa a Ourense, demorando así a atención e duplicando gastos, e iso se hai ambulancia, porque actualmente só hai un efectivo de ambulancia convencional contratada, que podería ser que estivera ocupada (levando outros pacientes a Ourense, por exemplo), o que demoraría inda máis a atención, ademáis do problema que supón un traslado a tanta distancia.

Ou sexa, a proposta é máis do mesmo: facer da poboación desta área unha poboación de segunda categoría, que non ten os mesmos dereitos que a poboación doutras zonas e que ve a calidade da súa asistencia sanitaria cada vez máis mermada.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública reuniuse o pasado xoves e decidiu comezar a moverse de cara a mobilizar á poboación para dunha vez empezar a pararlles os pés a uns gobernantes mentirosos que nos aseguraron que non ían suprimir a área sanitaria, cando vemos como día a día desmantelan servizo tras servizo deixando ao Hospital Comarcal nunha situación precaria.

Podedes ver a noticia nos xornais La Región e La Voz.

O grupo de traballo da Plataforma reunirase o próximo martes para últimar detalles e organizar o que serán os grandes actos previos á mobilización que se programará para o xoves 3 de xuño.

* Asemblea Informativa O Barco. Será o martes día 18 de maio, na Casa da Cultura.
* Asemblea Informativa A Rúa. Será o mércores día 19 de maio, no Centro Cultural Avenida.

Manifestación en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco: xoves 3 de xuño.

Sanidade Pública, Digna e de Calidade na Área do Barco!

________________________________________________________________________________

Lembrámosvos tamén que o próximo xoves día 13 de maio terá lugar en Monforte unha manifestación en Defensa da Sanidade Pública, e polo tema da centralización de gardas de radioloxía. Sairá ás 20 hs da Praza da Estación.
Alí estaremos tamén a Plataforma da Área do Barco.

Nenhum comentário:

Postar um comentário