A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

1.6.10

Comunicado emitido no día de onte pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco quere sair ao paso das declaracións feitas pola Conselleira de Sanidade, a señora Pilar Farjas, na súa recente e sorpresiva visita ao Hospital Comarcal Valdeorras, nas que tachaba de dicir “mentiras e falsedades” á Plataforma e ás organizacións que a conforman.

A Señora Farjas pretende coas súas manifestacións confundir á poboación para desmobilizala de cara á manifestación do día 3, algo que non vai conseguir. Di a Conselleira que os nosos intereses “non son mellorar a asistencia sanitaria, son outros” e fala de que minten “aquelas organizacións políticas, non políticas, sociais, que con outros intereses que non son os da área de Barco de Valdeorras nin os dos cidadáns de Barco de Valdeorras...”. E nós preguntámonos...

1. Acaso sabe a señora Farjas mellor que a poboación desta área cales son os seus intereses? Acaso se erixe a Conselleira en grande defensora dos intereses desta poboación cando está constantemente desmantelando servizos e diminuindo a calidade asistencial que se presta nesta área?
2. A señora Farjas, Conselleira de Sanidade, sabe qué é a Área Sanitaria do Barco e qué poboacións comprende? Porqué nas súas declaracións fala dos “cidadáns de Barco de Valdeorras”? Non sabe a señora Farjas que a Área do Barco dá servizos ás poboacións de toda a comarca de Valdeorras, da comarca de Viana e da comarca de Terras de Trives? E pretende facernos crer que ela sabe mellor que ninguén cales son os intereses desta poboación, cando nin sequera sabe de qué poboación estamos a falar?
3. Promúlgase a señora Farjas como única sabedora do que lles convén aos cidadáns e cidadás destas comarcas por algún motivo concreto? Acaso porque coñece de primeira man as súas necesidades? Porque pasa moitísimo tempo nestas terras? Está claro que non. A súa visita sorpresiva e fugaz ao Hospital Comarcal Valdeorras así o demostra, como tamén demostra que só cando está convocada unha manifestación, do mesmo xeito que pasou en Monforte, se digna a aparecer por aqui: inda que no seu momento se comprometera coa Plataforma a visitar a Área e explicar o seu modelo de Área de Xestión Integrada, só realizou a visita cando hai unha manifestación convocada, con intención de desmobilizar á poboación, e entrevistándose exclusivamente coa Dirección do Hospital Comarcal Valdeorras.
4. Sendo como di que é grande coñecedora dos intereses da poboación desta Área... porqué só se reúne na súa visita coa Dirección do HCV e non o fai coa Plataforma, integrada por multitude de asociacións e organizacións de todo tipo e que representan a unha grande maioría da poboación das comarcas afectadas?

Señora Farjas: quén minte? Quén di falsidades? Quén está desmantelando os servizos sanitarios desta área sanitaria? Porqué non falou vostede do que pensa facer coa radioloxía e as supostas gardas mancomunadas? Porqué non di que se vai cubrir o traumatólogo que falta?
Fale claro, pero non coa prensa ou coa Dirección do HCV: fale claro coa Plataforma e coa poboación que representa, fale claro onde tén que facelo, fale claro no Parlamento cando se lle pregunta se vai manter ou non a área sanitaria do Barco, porque esta Plataforma, mentres non teña enriba da mesa un decreto no que se diga claramente que se mantén esta Área Sanitaria con todas as súas competencias ou máis, onde se exprese claramente que a sanidade desta área se vai xestionar desde aqui, tanto en persoal como en material como económicamente, mentres non teñamos diante ese decreto, nós non nos cremos as súas palabras.

A poboación desta Área Sanitaria sabe, mellor que ninguén, cales son os seus intereses e sabe que empeorar a calidade asistencial que se lle presta non é un deles. Faga algo para solucionalo, que para iso é vostede a Conselleira de Sanidade. Ou é que vostede sí que tén outros intereses?

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco reafirmámonos nas nosas reivindicacións, e mentres non vexamos plasmado por escrito e confirmado no Parlamento Galego que a Área Sanitaria do Barco se vai manter coas súas competencias, cunha xestión non dependente de ningún ente provincial, completando e mellorando os seus servizos, non nos cremos nada do que diga a señora Conselleira, porque xa nos ten dito moitas cousas que despois non son certas. Polo tanto, pedimos a toda a poboación que secunde a MANIFESTACIÓN que terá lugar o próximo xoves día 3, a partir das 20 hs con saída do Campo de Fútbol de Calabagueiros, no Barco.

Sanidade Pública e de Calidade! Non á supresión de servizos!
a noticia no Faro
a noticia na Voz

Nenhum comentário:

Postar um comentário