Boas tarde a todos e todas en nome da Plataforma en
Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco.
Unha vez máis e despois de transcorridos 8 meses dende a
última manifestación en defensa da noso Hospital, dos nosos Centros de Saúde,
en definitiva da nosa Sanidade, volvémonos atopar aquí manifestando o noso cabreo polos
recortes na Sanidade Pública.
Dende a aprobación do Decreto de Área de Xestión Integrada a calidade
asistencial vénse degradando continua e progresivamente:
· As
listas de espera cada vez son máis longas na maioría dos servizos e tamén, por primeira vez, isto ocorre nos Centros de
Saúde
· Tómanse
decisións onde a Xerencia de Área Integrada amosa pouca sensibilidade cara
a nosa Área, como o demostra o caso da
supresión dun médico en A Veiga, deixando o Concello de máis extensión de
Galicia cun só médico e, o que é máis grave, que se fai para suplir a ausencia
doutro en Viana.
· Non se
están a cubrir as prazas vacantes de médicos, enfermeiras e persoal de xestión
en boa parte dos Centros de Saúde da nosa Area.
· Unha situación
sen precedentes é a que acabamos de sufrir ata hai uns
días na que o Hospital, e por conseguinte toda a Área estivo sen un sevizo tan
básico como é o de hematoloxía. Co risco que esto supuxo para os doentes que
tiveran que ser transfundidos ou intervidos de forma urxente con necesidade de
sangue e puideran sufrir algún problema durante as intervencións.
· A día
de hoxe temos un internista e un xinecólogo menos que hai 8 meses e seguimos a
reclamar a cobertura do cuarto traumatólogo
· De novo
este ano vanse pechar camas no Hospital e todo isto pola non cobertura das
diferentes prazas vacantes así como a non substitución da plantilla durante
todo o ano e especialmente no verán.
· Seguimos
temendo que o SERGAS elimine por privatización algúns sevizos básicos do Hospital
como o sevizo de radioloxía ou laboratorio entre outros.
Por outra banda, o Presidente da Xunta vén de anunciar
que é posible o cobro por servizos que presta o Sergas de maneira gratuíta como
os de comidas e aseo dos doentes.
Isto sumado ao decreto que recentemente aprobou o
Goberno Central de medidas “para el
mantenimiento de la Sanidad Publica”
no que entre outras cousa se aproba o aumento no pago das menciñas e o pago por
servizos como o transporte sanitario non urxente, co que os usuarios deste
transporte como poden ser, os que precisan diálise, rehabilitacion, probas ou
tratamentos que requiran desprazamento en transporte sanitario terán que
pagalo.
Como terán que pagar parte do custo das próteses tales
como cadeiras de rodas, muletas e outras similares.
Este Decreto, polo
tanto, desmantela o sistema sanitario público, elimina a universalidade da
prestación sanitaria e principios básicos como a promoción da saúde, a prevención,
o tratamento e a rehabilitación, agravando os problemas de saúde pública.
O
Partido Popular sérvese da crise para privatizar a sanidade e beneficiar ás
empresas privadas que accederán a prestar parte dos servizos da Sanidade
Pública e as aseguradoras que a partir de agora verán incrementada a súa
carteira de clientes ó reducirse na sanidade pública, boa parte dos servizos
que ata agora eran gratuítos para a poboación, posto que xa contribuïamos todos
con impostos directos e indirectos na financiación da sanidade universal.
É falso, ademais, falar de déficit da sanidade pública, cando do que se
debe falar é dun déficit no orzamento que se destina. Así que mentres no estado
español, e con datos de 2008, se destinan 1.492 € per cápita, en países como
Alemaña supera amplamente os 2.000 € ou os 3.000€ no caso de Dinamarca.Do mesmo xeito, en termos de PIB, o peso da sanidade pública, no estado español é dun 6,5%, cando en Francia é do 8,48%. “Se se incrementaran eses dous puntos no PIB, non teriamos déficit, senón superávit.
Agora,
parte dese diñeiro que todos e todas aportabamos á sanidade e á educación, vai
servir para rescatar ós bancos, como no caso recente de Bankia, que despois de
terse lucrado durante anos, leváronnos a esta crise que agora lles serve de
paraugas para desviar eses fondos dos servizos públicos ós seus petos, bancos que
por certo non teñen prexuízo ningún á hora de desahuciar a centos de familias
que quedaron sen emprego e coa hipoteca a medio pagar.
Para
este goberno, a prioridade é salvar a banca a expensas da sanidade e os
servizos públicos. É hora de dicir BASTA.
SEGUIREMOS
LOITANDO:
POR
UNHA ATENCIÓN SANITARIA DIGNA NA NOSA ÁREA
POR UNHA SANIDADE PÚBLICA E UNIVERSAL
SOMOS UNHA ÁREA!!
Nenhum comentário:
Postar um comentário