A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

24.3.10

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco apoia e participa na manifestación do día 25 de marzo contra a privatización da sanidade pública:


A TODA A CIDADANÍA

A Xunta de Galicia por medio da Consellería de Sanidade acaba de anunciar a licitación privada do novo hospital de Vigo. Tal decisión é contraria ao acordo de xuño de 2006, onde sindicatos, empresarios, Universidade de Vigo e conselleira do anterior Goberno decidían construír, con fondos públicos, un hospital que atendera as necesidades de toda a cidadanía da Área Sanitaria de Vigo.

A privatización do novo hospital e de varios servizos terá ademais una redución de 380 camas respecto ao proxecto inicial; renunciase a obxectivos estratéxicos para Vigo, reducindo á metade as camas de tratamento avanzado do cancro, do que estaba previsto que Vigo fose referencia de Galicia. Igualmente redúcense camas para doentes psiquiátricos.

Está claro que o presidente da Xunta e a conselleira de Sanidade (Feijóo e Farjas) apostan non só por privatizar o novo hospital, senón tamén por impoñer Povisa como hospital de Área, mantendo a fragmentación e dispersión dos hospitais de Vigo, cunha dobre porta de urxencias.

Co proxecto presentado para o novo hospital de Vigo limítanse os avances tecnolóxicos e bloquéase a creación de servizos tan necesarios como contar cunha unidade de grandes queimados.

A PRIVATIZACIÓN é un gran negocio para a sanidade privada; pretenden que o hospital sexa construído por unha empresa que tería o seu control absoluto e entregaríanlle, ademais, unha serie de servizos: cociña, lavandaría, mantemento, reprografía e un longo etcétera, que serían xestionados por esa empresa.

A experiencia deste tipo de privatizacións demóstranos que os 250 millóns iniciais do custo estimado do hospital (xa veremos ao final no que queda coas posibles desviacións) se multiplicarán en forma de intereses e beneficios empresariais, por 5 ou 7 veces.

Para pagar o malgasto e o negocio privado, durante os anos que haxa que pagar os intereses (non menos de 20) gran parte dos fondos sanitarios que agora se destinan á atención sanitaria, serán dedicados a lles pagar aos PROPIETARIOS PRIVADOS DO HOSPITAL. HABERÁ MENOS CARTOS PARA PERSOAL: menos médicos, enfermeiros

A decisión política de Feijóo de privatizar a sanidade de Vigo é unha fotocopia da realizada en Valencia e Madrid; as consecuencias son: menor calidade asistencial, maior endebedamento, e recorte de investimentos e do número de traballadores. Esta forma de financiar a sanidade naceu en Gran Bretaña, onde está en retroceso por ser insostible economicamente, e o 83% dos británicos rexeitan estas fórmulas privatizadoras na sanidade pública.

As traballadoras e traballadores da sanidade, os seus representantes e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo fan un chamamento a TODO O POBO DE VIGO E COMARCA a rexeitar A PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA, O MALGASTO E O ENDEBEDAMENTO e, desta maneira, poñerlle freo ao COPAGAMENTO (pagar dobremente cos impostos e cada vez que necesites acudir ás urxencias, ás consultas, etc), que é a onde nos leva a política da Consellería de Sanidade.

Rexeitamos o negocio privado a costa da saúde da cidadanía, queremos a mellor atención sanitaria para todas e todos, por iso pedímosche que te mobilices connosco.

MANIFESTACIÓN DA CIDADANÍA


25 DE MARZO ás 20 Horas dende Vía Norte

POR UNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE

Nenhum comentário:

Postar um comentário