A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

16.10.09

Comunicado de prensa da Plataforma

Ante as acusacións de manipulación e distorsión da realidade feitas por diversos persoeiros do Partido Popular, (Conselleira de Sanidade, Portavoz do PP no Barco de Valdeorras e alcaldesa de Vilamartín), e que só obedecen a intereses partidistas, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco, composta por partidos políticos (PSOE, BNG, Esquerda Unida), organizacións sindicais (CIG, CCOO, UGT), Asociación de Empresarios AEVA, Asociación de Afectados por Fibromialxia, ASFAVAL, MOREA, Asociación Contra o Cancro, ADAS, Asociación de Mulleres Rurais de Viloira, ANPA do Manuel Respino e multitude de veciños e veciñas de Valdeorras QUERE MANIFESTAR:

1.-O conflito da Área xorde dunhas declaracións da Xerenta do Cristal Piñor de data 28/05/09 nas que dicía que se estaba a estudar a integración da área sanitaria de O Barco na de Ourense, e dunha serie de declaracións ambiguas por parte de diversos responsables da Consellaría de Sanidade reproducidas na prensa os días 30/05/09 e 14/06/09 que culminan o 27/06/09 coas declaracións da Conselleira Pilar Farjas confirmando a supresión da area de Valdeorras. A partir dese momento é cando a Xunta de Persoal do Hospital Comarcal Valdeorras inicia as súas mobilizacions e fai un chamamento ao resto da cidadanía da área sanitaria para configurar o que hoxe é a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de O Barco, quedando configurada como tal o día 8/07/09 e sendo a súa primeira decisión solicitar unha entrevista coa Conselleira co fin de que esta aclarara a situación. Despois de diversas comunicacións do goberno galego sen aclarar cales son as suas intencións con respecto á área sanitaria , os partidos na oposición plantexan sendas proposicións non de lei instando ao Parlamento a que se pronuncie para que se manteña a área sanitaria e a súa capacidade funcional e de xestión, sendo as dúas proposicións rexeitadas polo PP, momento no que a Plataforma decide emprender mobilizacións. A data 18/09/09 Miguel Santalices e Rosendo Fernández, Deputados do PP por Ourense no Parlamento Galego, fan unhas declaracións defendendo a integración das dúas áreas. Tres días máis tarde o Partido Popular rectifica e dí que se vai manter o actual mapa sanitario. Neste punto é cando o PP cambia de estratexia, abandona a Plataforma e comeza a facer unha política de acoso e derribo á Plataforma antepoñendo os seus intereses de partido aos intereses da poboación na defensa dunha sanidade pública e de calidade. Ata que por fin antonte escoitamos por primeira vez a unha responsable do goberno afirmando que se ía manter a área sanitaria. Todo isto está recollido nas hemerotecas, só hai que mirar os xornais das datas indicadas.

Congratulámonos de que grazas á presión feita dende a plataforma e sobre todo ás preto de máis de 5000 sinaturas de apoio ao manifesto en defensa da área, que avalan as reinvidicacións da Plataforma, semelle que conseguimos cambiar as intencións iniciais do goberno.

2.-Pedimos aos responsables do PP das comarcas que conforman a área sanitaria que deixen de utilizar a estratexia da tinta de lura e a súas políticas de descrédito e insultos e se poñan a traballar xunto co resto de forzas en defensa dunha sanidade digna e de calidade para as comarcas de Valdeorras, Trives e Viana.

3.- A intención desta plataforma é a de asistir á reunión coa Directora Xeral de Asistencia Sanitaria o vindeiro xoves dia 22 de Outubro, onde esperamos oir unha resposta afirmativa á pregunta de se se vai manter a área sanitaria con toda a súa funcionalidade actual, e mellorada.

Nenhum comentário:

Postar um comentário