A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

15.10.09

Señora Farjas: o oitavo mandamento da Igrexa di "non dirás falso testimonio nin mentirás"



Velaqui a nota de prensa que aparece hoxe publicada na páxina do SERGAS:

PILAR FARJAS GARANTIZA A CONTINUIDADE DA ÁREA SANITARIA DO BARCO E A POTENCIACIÓN DOS SERVIZOS DO HOSPITAL E DA ATENCIÓN PRIMARIA


Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2009.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, garantizou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, "a continuidade da área sanitaria do Barco, así como a súa viabilidade e sostenibilidade". Anunciou, así mesmo, "a potenciación dos servizos do hospital e da atención primaria". Quixo insistir e ratificar, unha vez máis, que "en ningún momento este Goberno dixo, nin tivo pensado, modificar o mapa sanitario nin, polo tanto, suprimir a área sanitaria de Valdeorras".

A nosa proposta sempre foi, sinalou a titular da carteira sanitaria do executivo galego, "a reordenación dos órganos directivos territoriais, mediante a creación de direccións de área, que integren as xerencias hospitalarias de atención primaria, e as direccións provinciais e delegacións".

Imos, pois, -proseguiu Pilar Farjas-, "evitar os desprazamentos innecesarios e imos facer un hospital comarcal máis autónomo e con mellor dotación".

"Estamos a traballar para incrementar a capacidade asistencial de todos os hospitais comarcais porque os fixemos nós; porque sabemos do seu papel fundamental de atención na proximidade; porque queremos potenciar a súa actividade mediante a integración coa atención primaria e coas urxencias; e para que, ademais, sexan os pacientes o centro de atención e non teñan que ir e volver unha e outra vez de xeito descoordinado e sen seguimento".

En definitiva, subliñou a conselleira de Sanidade, "queremos apoiar os servizos dos hospitais comarcais como o do Barco dende os hospitais de referencia, para que non sexan os doentes os que teñan que ir a Ourense, Lugo ou Pontevedra".

Pilar Farjas destacou, tamén, o descoñecemento dos partidos da oposición no que atinxe ás estratexias de mellora na organización asistencial nos servizos de saúde, "e de tratar de querer confundir a todo o mundo aproveitándose da boa fe da cidadanía con algo tan sensible como a sanidade". Por iso, dixo que está moi claro o que o seu departamento quere facer, e que o repetiu para que non quede ningunha dúbida: "non imos modificar o mapa sanitario", concluíu.

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco queremos lembrarlle á señora Farjas, que é católica practicante, que o oitavo mandamento da Igrexa católica di: "non dirás falso testimonio nin mentirás", polo que a señora Farjas está pecando claramente ao dicir que nunca se falou de suprimir a Área do Barco; ás hemerotecas nos remitimos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário