A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

23.6.10

Comunicado conxunto das Plataformas de Verin, O Barco, Monforte e Burela



As Plataformas en Defensa da Sanidade Pública de Monforte, Burela, O Barco de Valdeorras e Verín reunidas en Valdeorras o pasado día 3 de xuño queren manifestar a súa preocupación ante a intención por parte da Consellería de Sanidade de centralizar as gardas de radioloxía, deixando sen radiólogos de garda ao resto dos hospitais.

Ante o prexuízo que supón na calidade de asistencia das poboacións das áreas afectadas mostramos o noso absoluto rexeitamento a que isto poida ser realidade algún día.

Mentres dende a Xunta nos falan de acercar a asistencia ao paciente, os feitos demostran todo o contrario. E tanto na atención especializada como na primaria van aumentando as deficiencias confirmando o abandono da Consellería das áreas sanitarias cun hospital comarcal ao fronte.
Esta medida de reagrupar as gardas de radioloxía vai provocar que nos comarcais non haxa quen faga as ecografías urxentes que se necesiten e por conseguinte, no caso de que por exemplo un accidentado precise dunha ecografía urxente, que se fará? Trasladarase o paciente a Ourense, Ferrol ou Lugo xogando coa vida do usuario? Iniciarase unha intervención cirúrxica sen diagnóstico fiable? É esta a calidade e a cercanía que nos queren ofertan co novo modelo de xestión?

Esiximos o mantemento e a potenciación das nosas áreas con todas as competencias actuais, a cobertura dos servizos e unha verdadeira cercanía da asistencia facendo, de verdade, o paciente o centro do sistema.

Ante as últimas visitas de diferentes autoridades do goberno galego ás localidades afectadas por esta mudanza de xestión, reclamamos que xa é hora de que nos ensinen, dunha vez por todas, o novo decreto, xa que será o único xeito de poder constatar de maneira irrevogable o anuncio feito polo Presidente da Xunta de Galicia do mantemento das áreas sanitarias con toda a súa capacidade e independencia, tal como están na actualidade, dentro dun modelo de xestión integrada (primaria e especializada de cada área)

As Plataformas estaremos pendentes de calquera movemento que se produza en contra da realización das nosas reivindicacións.

Nenhum comentário:

Postar um comentário