A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

11.6.10

Comunicado da Plataforma despois da manifestación exitosa do día 3.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco, reunida tras da manifestación do 3 de xuño pasado, quere comunicar:

1. A Plataforma considera que a mobilización do pasado xoves foi un éxito e que demostra que a poboación das comarcas de Valdeorras, Viana e Trives está concienciada na defensa da Sanidade Pública que se lle presta e rexeita a supresión de servizos que está a levar a cabo a Consellaría de Sanidade, así como a intención de levar a xestión desta área á cidade de Ourense.
A resposta masiva así o indica. A participación na manifestación do día 3 de multitude de persoas de toda condición, ideoloxía, idade, sexo e orixe dá conta do importante que é a asistencia sanitaria para esta poboación e do farta que está de que continuamente desde as distintas Consellarías de Sanidade que ten habido se pretenda diminuir a calidade asistencial e de servizos sanitarios que se prestan nesta área.

2. A Plataforma quere felicitar a toda a poboación pola súa participación cívica e ao mesmo tempo contundente na defensa da sanidade, que dá pasos firmes na denuncia da situación que estamos a vivir e que é un clamor que deberían escoitar desde as instancias da Consellaría de Sanidade, a empezar pola Conselleira, Pilar Farjas.
A Plataforma tamén quere agradecer o seu apoio ás persoas que chegadas de diversos puntos da xeografía, afectadas tamén pola problemática da política sanitaria que se está a implantar neste país, percorreron con nós as rúas do Barco para rexeitar este modelo sanitario e concretamente para esixir o mantemento da nosa área sanitaria e dos servizos que se prestan nela.

3. A Plataforma convida a aqueles e aquelas que non o fixeron a que se unan ás peticións da poboación, peticións que camiñan só nunha dirección: a da defensa da Sanidade Pública. A Plataforma lamenta que, desde hai anos, e despois de décadas de loita conxunta de todos os sectores da poboación a prol da Sanidade Pública, sexa esta a primeira vez que unha organización política das que teñen representación na área non só non participe na defensa da Sanidade, senón que se posicione totalmente de xeito contrario a ela, defendendo un modelo sanitario que se nos quere impoñer, no que a máis prexudicada vai ser a poboación, usuaria da sanidade.

4. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco continuará a defender a Sanidade Pública e a esixir o mantemento da Área Sanitaria do Barco, toda vez que a Consellaría non respostou ainda como se lle solicitaba, por escrito, mediante un decreto que así o diga, e no Parlamento, onde só se diron respostas nada convincentes, sobre o mantemento da nosa área. A pelota está agora no tellado da Consellaría: queremos unha resposta ao clamor cidadán que se viviu o xoves pasado.
Deste xeito, a Plataforma continuará coa campaña informativa e, de non aclararse o futuro desta área, coa campaña de mobilizacións. Ademais, a Plataforma dará o seu apoio á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, participando na manifestación que tén convocada para o próximo día 26 de xuño, apoiando á poboación desa área que por mor das políticas sanitarias deste goberno, sofre un problema similar ao que padecemos aqui.

5. O problema que viñamos denunciando segue a estar aí. A mobilización cidadá que está a ter lugar en toda a xeografía, Vilagarcía, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Monforte, O Barco, e seguro que tamén na Mariña, ten que facer reflexionar á Conselleira e aos altos cargos da Consellaría de Sanidade, así como ao Presidente da Xunta. Deben reflexionar e recapacitar, e dar marcha atrás nas políticas sanitarias neoliberais que están a levar a cabo, posto que finalmente non haberá beneficios máis que para uns poucos, o resto, os usuarios e usuarias, a poboación, só terá prexuizos.

SEMPRE NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA! SOMOS UNHA ÁREA!

Nenhum comentário:

Postar um comentário