A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

19.11.10

Dez razóns para salvar a sanidade pública

A cámara do Galicia Confidencial entrevista aos voceiros da Plataforma SOS Sanidade Pública na véspera dunha cita clave. Tendo en conta o éxito de protestas previas en cidades como Vigo, a manifestación do domingo en Santiago será multitudinaria.


Galicia, que adica o 9% do PIB a Saúde, ten mellor cobertura que Estados Unidos, onde o sistema privado absorve o 20% da riqueza. Este é un dos argumentos dos voceiros de SOS Sanidade Pública, a plataforma plural que este domingo convoca unha manifestación en Compostela.
A cámara de Tingalaranga entrevista aos voceiros do colectivo en exclusiva para Galicia Confidencial. Son Francisco Vázquez, de SOS Sanidade Pública Vigo; María Xosé Abuín, da Federación de Saúde da CIG, e Francisco Reyes, de SOS Sanidade Pública Compostela. Velaquí, resumindo as súas palabras, porqué cómpre secundar a súa convocatoria:
  1. A manifestación non vai contra ningún partido. Unicamente reclámase unha sistema onde pague máis quen máis diñeiro teña, e non quen máis doenzas sufra.
  2. Malia ser apartidaria, a Plataforma critica a actual política de contratatacións do Sergas. Dende o cambio do Goberno, a Xunta ofrece de novo contratos precarios, que empurran aos profesionais a buscar estabilidade fóra de Galicia.
  3. O cadro de persoal do SERGAS non aumentou dende a chegada do novo Executivo.
  4. Introducir o capital privado nos hospitais (como fará a Xunta nos novos centros de Vigo, Pontevedra e dez lugares máis) é unha temeridade. Os xerentes dos complexos terán como prioridade o beneficio económico máis que a calidade da atención.
  5. O modelo "público privado" xa se probou antes, tanto en Galicia como fóra, e sempre provocou unha peor calidade do servizo. Por exemplo, en Madrid os centros privatizados teñen como máximo 0,73 médicos por cada 1.000 habitantes, mentres que os públicos móvense sempre por enriba de 1,3 doutores por 1.000 habitantes.
  6. No exterior tamén hai exemplos de sistemas 100% públicos que funcionan ben. Tal é o caso de Austria, onde non hai listas de agarda malia ter tamén unha poboación moi avellentada.
  7. A xestión pública do sistema sanitario pode ser máis eficaz, pero por natureza é máis rendíbel que a privada. Abonda comparar a calidade do SERGAS, que absorve o 9% da riqueza galega anualmente, coa do sistema dos EE.UU, que absorbe o 20%.
  8. Algúns cargos do SERGAS, nomeados pola Xunta, están a dificultar o traballo crítico da plataforma. A xerencia do hospital da Coruña, o antigo Juan Canalejo, prohibiu esta semana un acto reivindicativo da plataforma.
  9. No sistema público os custes son secundarios pois o prioritario é recuperar a saúde do cidadán. No privado, os custes son máisn importantes, porque reducilos significa incrementar os beneficios.
  10. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, segue sen organizar as quendas de tarde na pública, mentres drena as listas de espera desviando pacientes a sanatorios privados. A consecuencia é un maior gasto e o aumento das listas en certas especialidades. Por exemplo, a cirixuía pedriática da área de Compostela opera aos nenos despois dunha espera media de máis de tres meses.
     

Nenhum comentário:

Postar um comentário