A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

21.12.11

A plataforma leva as reivindicacións ao Parlamento de Galicia


A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área do Barco fletará hoxe varios coches para acudir á concentración que a plataforma nacional SOS Sanidade Pública convoca fronte ao Parlamento de Galicia. A medida ten como obxectivo protestar contra as medidas de recorte e copago na sanidade pública que veñen sendo anunciadas e xa postas en práctica por parte da Consellería de Sanidade.

Os anuncios feitos polo presidente da Xunta como a retirada da gratuidade para os medicamentos de pensionistas e xubilados; o pago por servizos non médicos nos hospitais ou a retirada da tarxeta sanitaria a parados rompendo a universalidade da sanidade; son de moita gravidade.

Dende a Plataforma queremos facer chegar ao Parlamento de Galicia o rexeitamento aos recortes e privatizacións dos servizos sanitarios que está levando a cabo o goberno da Xunta de Galicia, algunha delas preténdese poñer en marcha a través dos Orzamentos de Galicia do ano 2012.

Por este motivo a Plataforma acompañará ao resto das plataformas galegas secundando a convocatoria de SOS Sanidade Pública hoxe ás 5 da tarde diante do Parlamento de Galicia, coincidindo co debate da Lei de Acompañamento dos orzamentos sanitarios para o próximo ano (para a que se solicitou autorización legal).

Na concentración a Plataforma fará entrega aos parlamentarios dunha bolsa de supervivencia que deberán levar aqueles enfermos que sexan hospitalizados nos centros públicos, se sae adiante a estratexia do presidente Núñez Feijoo de facer pagar os servizos de comida, limpeza, hixiene, etc.

Nenhum comentário:

Postar um comentário