A Plataforma en
Defensa da Sanidade Pública na área do Barco ten convocada unha manifestación
para este domingo 10 ás 20.30 da tarde.
A mobilización defenderá a Sanidade Pública de
Valdeorras, Terras de Trives e Terras de Viana reivindicando unha vez mais a
desaparecida Área Sanitaria do Barco. A golpe de “Somos unha Área”, miles de
persoas posicionaranse en contra dos recortes do Partido Popular.
Por primeira vez en 30 anos o HCV (Hospital
Comarcal de Valdeorras) asistiu ao peche de camas no verán pasado cunha única
xustificación: non contratar máis persoal. Este verán parece ser que corremos o
mesmo risco.
Outra situación sen precedentes é a que
acabamos de sufrir até hai uns días. O HCV e, por conseguinte, toda a Área
Sanitaria (Valdeorras, Terras de Trives e Terras de Viana) estivo sen un servizo
tan básico como é o de hematoloxía. O hematólogo é un especialista básico nun
hospital e estar sen el supón un risco para os doentes que teñan que ser
transfundidos ou intervidos de urxencia con necesidade de sangue ou puidera
sufrir algún problema durante as intervencións.
Claro que, a falta de hematoloxía, “só” durou
un mes. Este é o xeito de proceder do Partido Popular (como fixo Feijoo
insinuando o pago da comida e do aseo nos hospitais). Lanzan un globo sonda, e
recollen reaccións á vez que se vai creando o hábito. Unha das oposicións
firmes e públicas foi a da Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Área do
Barco.
Neste hospital leva sen facerse unha inversión
desde o ano 2.007, situación que se vai alongar despois da supresión da área
sanitaria e a implantación da xestión integrada; pois é posible que desde
Ourense non deriven moitas partidas para un hospital situado a hora e vinte de
coche.
Promesas feitas pola Conselleira de Sanidade
como un novo TAC ou a reducción das listas de espera non foron cumpridas a día
de hoxe, co que o HCV segue co TAC máis antigo de todo o País, e as listas de
espera seguen a aumentar en todos e cada un dos servizos ao non contratar máis
profesionais. A este aumento tamén contribúe a eliminación de especialistas
como o que se suprimiu en xinecoloxía. Os sindicatos do HCV levan tempo pedindo
un 4º traumatólogo sen obter resultados. A resposta sempre está relacionada coa
falta de recursos. Máis nese mesmo servizo semella que non faltan recursos para
pagar a un dos traumatólogos (e marido da Xerente María Jesús Magadán) que
segue a traballar polas tardes.
A atención primaria non anda moito mellor. Un
concello como a Veiga, o máis extenso de Galiza e posiblemente con máis
dispersión poboacional quedouse xa sen un médico.
En canto a infraestruturas sanitarias, a cousa
non pinta mellor. Desde o Goberno Galego informan a través de comunicados de
prensa que o novo Centro de Saúde da Rúa está próximo a construírse, pero o
certo é que o SERGAS aínda non adquiriu os terreos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário