A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

22.9.11

Texto que se leu na concentración do 21 de setembro

Veciños e veciñas da Área Sanitaria do Barco:

Unha semana máis saímos á rúa para defender unha sanidade digna, pública e de calidade para as nosas comarcas. Estamos preocupados polo deterioro da calidade da nosa sanidade, pero temos que dicirvos que non somos os únicos de Galicia en mobilizarnos por unha sanidade digna:




- O venres pasado, 16 de setembro, mobilizáronse os de Marín (Pontevedra) pola retirada da ambulancia do servizo nocturno.

- O día 7 de outubro mobilízanse os do Salnés, tamén por unha sanidade digna.

- O día 13 de outubro será en Ourense onde se mobilicen en defensa dunha sanidade de calidade.

- Mañá xoves 22, hai unha reunión de todas as Plataformas de Galicia en Santiago de Compostela, para coordinar e poñer en común os problemas das distintas Áreas de Galicia.

E, veciños e veciñas, é para estar preocupados. Estes días unha dirixente madrileña do Partido Popular falaba de que o ensino, que ata agora viña sendo gratuíto, non lle parecería mal que fose de pago. Amigos e amigas, ese parece ser o destino que quere o PP para os servizos básicos da nosa sociedade: a privatización. Que disfruten destes servizos básicos só os ricos.

Pois, ben, aquí estaremos nós para defender o que é noso, para defender e mellorar o que con tanto esforzo e tempo nos levou conseguir. Non poderán connosco.

E, para seguir coa nosa loita,convocámosvos para as próximas mobilizacións:

- O próximo martes, día 27 de setembro, teremos unha reunión da Plataforma no Edificio Multiusos, ás 20h., para seguir falando de futuras mobilizacións.

- Ao día seguinte, mércores 28 de setembro, volveremos concentrarnos, ás20h., aquí neste mesmo sitio diante do Hospital.

- Tamén vos queremos convocar para un concerto-festival que terá lugar no Teatro Lauro Olmo (antiga Casa da Cultura) o día 13 de outubro, onde actuarán agrupacións musicais da comarca. Como puidestes ler hoxe na prensa, a finalidade do concerto-festival é recadar fondos para a Plataforma. Mirade, o día 28 de outubro temos convocada unha gran manifestación aquí no Barco. Iso conleva unha serie importante de gastos: carteis de propaganda, transportes, etc. Para iso, pedímosvos, humilde e encarecidamente, a vosa colaboración. Con ese motivo, temos aquí tamén hoxe unha caixa para que, o que poida e queira, colabore economicamente coa Plataforma. Moitas grazas de antemán.

Veciños e veciñas das nosas comarcas, se nós non defendemos o que é noso, o que tanto esforzo e tempo nos levou conseguir, ningué o vai facer. Ánimo e a seguir mobilizándonos. Ata o próximo mércores, neste mesmo sitio e hora. Moitas grazas a todos e todas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário