A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

28.9.11

Unha vez máis, concentrámonos diante do hospital

Mércores, 27 de setembro de 2011, ás oito da tarde. Ameazaba chuvia, máis ben, xa caían unhas gotas, pero iso non foi obstáculo para que moita xente se concentrase, un mércores máis, diante do Hospital Comarcal de Valdeorras.


A xente está disposta a loitar por unha sanidade pública digna. Somos unha área e reivindicamos o tratamento que iso leva consigo.

A Plataforma rexeitou as acusacións de manipulación, pois é plural e aberta a todo o mundo.

Anunciáronse algúns cambios nas mobilizacións vindeiras:

Así, a Gran Manifestación será o día 27 de outubro.
Por outro lado, as reunións da Plataforma no Multiusos pasan a ser os luns ás 8 da tarde.




Este foi o texto ao que Manuel Agra Villar lle deu lectura durante o transcurso da concentración:


Boas tardes a todos e todas. En primeiro lugar, darvos as grazas por estar aquí outro mércores máis poñendo o voso tempo e o voso interese para defender a sanidade pública e a Área Sanitaria do Barco.
De novo, expoñemos os motivos polos que estamos aquí, de xeito obxectivo: estamos aquí porque non nos cansamos de dicir que somos unha área, porque no decreto da integración das áreas sanitarias, publicado en agosto, fálase dunha “xerencia integrada” que vai estar en Ourense, e que será a encargada de xestionar todos os recursos tanto humanos coma económicos e servizos da provincia. No Barco, pasa a haber unha “xerencia executiva”, é dicir, que só vai ter a posibilidade de poñer en marcha as instrucións que lle dean desde Ourense. Por poñer un exemplo: imaxinemos que no Barco necesitamos un ecógrafo e que en Ourense tamén precisan un. A nosa pregunta é: para onde  mandarán o ecógrafo?
Aquí non hai manipulación nin mentiras: este é o decreto que sacou a Xunta de Galicia. Por estas catro follas, ambiguas, que non din case nada van cambiar todo o sistema de atención sanitaria da área do Barco.
Neste decreto publicado no DOGA tamén vemos que desaparece do Barco a direción de enfermaría, a direción medica e a de xestión, que tamén van estar levadas dende Ourense, co que eso supón para a organización dos recursos humáns do hospital, con repercusións directas en todos e todas os usuarios da sanidade, é dicir, todos e todas nós.
Nestes días a consellaría de Pilar Farjas ven de calificar nos medios como unha “mellora” que desde a Xerencia Executiva do Barco se fora a levar tamén Atención Primaria, é dicir, os Centros de Salúde e os Puntos de Atención Continuada (PACs). Cun orzamento xestionado integramente desde Ourense é difícil que, engadir á xestión do hospital a xestión de 11 centros de saúde e 3 PACs coa conseguinte carga económica e administrativa, é difícil, diciamos, que isto sexa unha mellora, como afirma a Xunta.
De feito, desde agosto, Ourense xa eliminou una ambulancia do PAC do Barco, a que foi sustituída por un taxi. Coa conseguinte perda dos postos de traballo, e polo tanto, a diferenza na calidade do servizo para os e as pacientes.
O Partido Popular da Comarca, que, por desgracia segue sen querer participar nesta Plataforma que defende os interese de todos e todas nós, non para de levar mocións aos concellos e mandar notas de prensa aos xornais, nas que se insiste en que se garanten todos os servizos. Nós cremos que o que se debe facer é potenciar e desenvolver a área completamente, implementando e mellorando os servizos. O simple feito de dicir que “se garante” é recoñecer que Pilar Farjas e a súa Consellaría crearon un problema que non existía na sanidade valdeorresa.
A Plataforma é un colectivo aberto e plural, formado pola veciñanza, asociacións de todo tipo, sindicatos e partidos políticos unidos por un mesmo  obxectivo único: defender unha sanidade digna, pública e gratuíta. En definitiva defender e potenciar a área sanitaria de Vadeorras. Esta plataforma foi creada hai anos, cando había outros partidos gobernando na Xunta, o que demostra que non se creou para facer política nin para enfrontarse a ningún partido, nin a ningunha Consellaría, como tratan de facernos crer. Esta Plataforma tense activado, e seguirá a facelo cada vez que se detecta calquera indicio de problema sobre a sanidade pública en Galiza en xeral e nas comarcas que compoñen esta área sanitaria en particular.
Somos unha área!
e seguiremos defendendo a sanidade pública!
Porque é o noso dereito!
para que se melloren os nosos servizos no hospital e nos centros de saúde!

Desde a plataforma queremos agradecer todos os donativos que fixestes desinteresadamente os e as que vos concentrástedes a semana pasada. Hoxe tamén colocamos a caixa  de donativos pois precisamos informar desta serie de reformas, e iso ten uns gastos de imprenta, que de momento non podemos cubrir.
Lembramos que a data da Grande Manifestación, que estaba programada para o día 28 tivo que ser adiantada para o xoves 27 de outubro para coincidir coas que se levarán a cabo no resto de poboacións galegas que contan con plataforma sanitaria.
Namentras seguiremos a concentrarnos cada mércores ás 8 da tarde, pois é necesario berrar pola nosa área, defender os nosos dereitos, e seguir dicíndolle á Conselleira Pilar Farjas que o sistema de benestar e a sanidade non é desmantelable.
Seguimos a traballar no concerto, que será antes da Grande Manifestación, e en breve poderemos confirmar as datas.
E tamén lembrarvos que a Plataforma se reúne todos os luns no Salón de Actos do Edificio Multiusos do Barco. Estas son asembleas abertas nas que pode participar quen queira, e aportar ideas e/ou apoio, de cara a traballar en prol dun ben común: Por que somos unha área!

Nenhum comentário:

Postar um comentário