A Sanidade é cousa de tod@s. 4.000 VECES GRAZAS!

6.10.11

Carta dos médicos do HCV á Conselleira de Sanidade

Para calar a quen di que os médicos do HCV están alleos á reforma sanitaria e aos recortes, a Plataforma fai pública a carta que 59 facultativos deste hospital enviaron asinada á Consellería de Sanidade, dirixida á popular Pilar Farjas.


Os Facultativos do Hospital Comarcal de Valdeorras reunidos en asemblea o 6/9/11 para debater o contido do DECRETO 163/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, expoñemos a continuación os puntos acordados.

  1. Tratándose do colectivo máis importante á hora de impartir os servizos de saúde nesta Área Sanitaria, sentímonos profundamente decepcionados e até despreciados, primeiro por non contar con nós para estas modificacións, e en segundo lugar por non ser informados até o momento por ningún dos nosos superiores do alcance das mesmas.
  2. Queremos expresar a nosa preocupación polo desenrolo deste decreto xa que dubidamos que alcance o obxectivo para o que di que foi redactado: “obter maior rendibilidade social
  3. É obvio que o orzamento do noso Hospital será manexado desde Ourense por alguén que, sen dubidar da súa eficacia, será complicado que coñeza, entenda e defenda os intereses da nosa Área.
  4. Ao mesmo tempo entendemos que será moi difícil que os responsábeis de Servizos do HCV poidan negociar con Ourense os recursos que consideren precisos para a correcta atención dos nosos pacientes.
  5. Entendemos que cos axustes orzamentarios se queira reducir e simplificar a estructura organizativa, pero, despois de ler o Decreto, observamos que esta en vez de reducirse, multiplícase, e ao mesmo tempo centralízase, alonxándose dos intereses da poboación periférica como é o noso caso.
  6. Fáisenos complicado pensar que con este cambio xestor se faga un aforro importante no conxunto do SERGAS cando se están realizando obras faraónicas coma o recentemente inaugurado hospital de Lugo e o que se vai iniciar en Vigo, ademais de ver como o elemento que mais medrou nos últimos anos foi a propia Administración do SERGAS.
  7. Moitos dos Facultativos que aquí nos atopamos, aínda sen ser da zona, traballamos por este hospital desde hai máis de 20 anos, axudamos a que crecera, afanámonos – en circunstancias moitas veces de precariedade tanto de recursos materiais como humanos – tratando de atender aos nosos pacientes en non poucas ocasións con solucións imaxinativas, sempre co obxectivo da “mellora continuada” acadando cifras de calidade e celeridade na asistencia das mellores do SERGAS. Nestes momentos, o noso Hospital nútrese tamén de profesionais mozos que sempre aportan estímulos e novidades para mellorar e optimizar os resultados. Con este decreto sospeitamos que no futuro vai acabar de raíz con todos os obxectivos acadados até agora, coa conseguinte diminución global da calidade da asistencia.
  8. Este Hospital foi o primeiro hospital comarcal de España, fundouse en base a que o demandou unha poboación illada xeográficamente, con comunicacións deficientes cos centros de referencia e coa actividade económica máis dinámica do interior de Galicia. Asemade, foi modelo de moitos outros hospitais comarcais. Na actualidade as comunicacións non melloraron. É obvio que existen razóns para potencialo, non para condenalo.
  9. Por todo o aquí exposto cremos conveniente a modificación deste Decreto, mantendo a xestión propia da nosa Área Sanitaria.

O Barco, a 8 de setembro de 2011.

Nenhum comentário:

Postar um comentário